Roberto Jiménez
Nouturnio
Da aldea lexana fumegan as tellas;
detrás dos petoutos vai póndose o sol;
retornan prós eidos coa noite as ovellas
tiscando nas beiras o céspede mol.
Un vello, arrimado nun pau de sanguiño,
o monte atravesa de cara ó piñar.
Vai canso; unha pedra topou no camiño
e nela sentouse pra folgos tomar.
-¡Ai!-dixo-, ¡que triste,
que triste eu estou!-
I on sapo que o oía,
repuxo: -¡Cro, cro!
¡Ás ánemas tocan!... Tal noite como esta
queimóuseme a casa, morreume a muller;
ardeume a xugada na corte, i a besta,
na terra a semente botouse a perder.
Vendín prós trabucos bacelos e hortas
e vou polo mundo de entón a pedir;
mais cando non topo pecháda-las portas,
os cans sáienme a elas e fanme fuxir.
Canta, sapo, canta:
¡ti i eu somos dous!...
I o sapo, choroso,
cantaba: -¡Cro, cro!
Soliños estamos antrambos na terra,
mais nela un buraco ti alcontras i eu non;
a ti non te morden os ventos da serra,
i a min as entranas i os ósos me ron.
Ti, nado nos montes, nos montes esperas,
decote cantando, teu térmeno ver;
eu nado entre os homes, dormento entre as feras,
e morte non hacho, si quero morrer.
Xa tocan... Recemos,
¡que dicen que hai Dios!...-
El reza, i o sapo
cantaba: -¡Cro, cro!
A noite cerraba, i o raio da lúa
nas lívidas cumes comenza a brilar;
curisco que tolle nos álbores brúa
i escóitase ó lexos o lobo ouvear.
O probe do vello, cos anos cangado,
ergueuse da pedra i o pau recadou;
virou para os ceos o puño pechado
e cara ós touzales rosmando marchou...
Cos ollos seguíndoo
na escura estensión,
o sapo quedouse
cantando: -¡Cro, cro!
Curros Enríquez (Aires da miña terra)
Ningún comentario:
Publicar un comentario