Juan Pardo
Un adios a Mariquiña
Como ti vas pra lonxe
i eu vou pra vello,
un adiós, Mariquiña,
mandarche quero,
que a morte é o diaño
i anda rondando as tellas
do meu tellado.
Cando deixes as costas
da nosa terra
nin luz nin poesía
quedará nela,
cando te vaias,
vaise contigo o ánxel
da miña garda.
Pombiña mensaxeira
de branca pruma,
fálalle ós emigrados
da patria súa,
dilles mimosa,
que deles apartada,
Galicia chora.
Dilles que prós seus lares
tornen axiña,
que sin eles non queren
pintar as viñas,
regar os regos,
madurar as castañas
nos castiñeiros.
Dilles que non hai terra
millor que a nosa,
máis ridentes paisaxes,
máis frescas sombras,
máis puros ceos,
nin lúa máis lucente
no firmamento.
Dilles que súas obrigas
aquí os esperan
¡e si onde elas non morren
que se condenan!...
I agora, voa,
pombiña, e que te guíe
Nosa Señora.
Curros Enríquez
Ningún comentario:
Publicar un comentario